Tagged: underground

Os mellores discos españois do 2013

Que sí, que igual vamos un pouco tarde, pero en Odiocomicsans somos así. Igual botamos un ano sen escribir, como volvemos e facemos sesión e poñémonos a escribir artigos coma tolos. De todas formas, non hai dúbida de que a escena musical española está vivindo unha verdadeira época dourada. Moita cantidade, pero tamén moita variedade e calidade. Cada colaborador escolleu algunhas referencias coas que se queda deste último ano.

As eleccións de comomepos:

BETUNIZER  – GRAN VETA

a2245022136_10

Betunizer é un claro exemplo da variedade musical existente na escena española. Co seu novo disco Gran Veta poñen a casa patas arriba (igual que fixeron co aínda máis maxistral Boogalizer de 2009) e ofrecen un álbum dunha contundencia innegable, onde o baixo e a excelente batería marcan o ritmo e ton deste Gran Veta e no cal manteñen o seu humor marca da casa (así se entende que fagan tan boas migas con Unicornibot). Eu non podo deixar de percibir certa débeda con Jesus Lizard ou Shellac, o cal fai que se me caia, un pouco máis se cabe, a baba. Aquí, “Pantera Pura”.

CAMARADA NIMOY – CAMARADA NIMOY

a4117009611_10

O seu primeiro LP amplía o traballo feito ata o de agora, seguindo por esa liña onde mesturan todos os estilos que se lle pasan pola cabeza, onde o surf, o blues, o rock and roll, o funk, o swing ou o jazz teñen cabida. A ritmo de theremin, Camarada Nimoy son unha banda digna de ver en directo, onde as imaxes fan que a música aínda colla máis forza. Inolvidable esa “Ponte de Tacoma” ou “A Fantástica Bici de Hoffman”.

GUADALUPE PLATA – GUADALUPE PLATA

a0611786056_10

O terceiro disco destes andaluces ven a afondar aínda máis no seu son. O que xa demostraron nos seus dous primeiros álbumes (todos chamados igual, curiosamente) segue aquí presente neste último traballo de forma máis redonda se cabe. Blues sucio, sen concesións, que recorda, por momentos, ós lobos lamentándose na noite. Maldita rata mal nacida…

As eleccións de heregoesmygun:

DAS KAPITAL  – GRECIA

das_kapital

Empregando o son industrial como canle da desafección coa realidade social existente, Das Kapital preséntannos Grecia, país que inspira o punto de partida dun disco redondo e necesario que se desmarca de todo o feito ata agora no panorama musical galego. Ritmos apocalípticos, percusión seca e doses de ruido ben estructurado conforman un violento océano de desolación e raiba contida a través do cal navega a voz de O Leo. As letras comprometidas, e quizáis influidas polos versos de Celso Emilio Ferreiro e por El Capital, de Marx, amósonos a crudeza do momento no que vivimos e poñen un broche de ouro a un dos mellores discos nacionais do 2013.

P.D: Non vos perdades especialmente o segundo corte do disco, no que a banda compostelana versiona de xeito excelente a Los Saicos.

DON THE TIGER  – VARADERO

varadero-donthetiger

Se existise un David Lynch español (non existe, ¿verdade?), Adrián de Alfonso, o músico que se agocha tras Don The Tiger, sería o seu particular Angelo Badalamenti. Apostando fortemente pola experimentación e variopintos estilos musicais coma o dark ambient, o tango ou o blues, este disco desmárcase de calqueira outro. Arrecende a dexeneración e bar de cloaca, a bailes nocturnos no medio das rúas baleiras ou mesmo a un circo de monstros no medio dun escampado. As letras, cargadas intelixentemente de metáforas e figuras retóricas, elevan cada un dos temas por medio dunha espiral de surrealismo á categoría de obras mestras. A riqueza musical e a producción das oito cancións que conforman Varadero fan que o álbume flúa excepcionalmente e se remate nun abrir e pechar de ollos.

ESQUELAS  – INCISO

inciso-esquelas

Vou evitar os formalismos e comezar dicindo que este EP é unha auténtica animalada sonora. O dúo coruñés superou con creces o seu debut, de título homónimo, e agasállannos cun disco sólido, compacto e producido de xeito elegante e exquisito. Atopámonos cunha son pesada e lenta de influencia post-industrial e con grandes cantidades de baixas frecuencias e reverberación, que xeran unha neborenta paisaxe nocturna dun bosque e unha asolagante sensación de indefensión dende o primeiro ata o último corte. Especial mención merece “Entre lo imperceptible”, o meu favorito, onde apostan por un compás de 4/4 baixo de voltas lembrando a bandas como Raime.

O son de Esquelas vai acompañado en directo maxistralmente por vídeos coma o que podedes ver a continuación: “Perseverante en la memoria”.

Por certo, “Inciso” tamén se presenta nunha edición limitada a 50 casettes feita polo estudo Lazo. Non vola podedes perder.

As eleccións de galldindie:

UNICORNIBOT – MAMBOTRON

mambo

Os nosos paisanos de Unicornibot afiánzanse no seu terceiro álbum como un grupo a ter moi en conta, pois dispoñen da capacidade para converxir ese estilo duro e repetitivo que define ao math rock en toda unha festa sen límite, resultando un math rock bailable e alegre como poucos poden lograr. Con Mambotron, os catro xinetes do mathrokalipsis volven enfundarse os seus gorros de papel albal para cabalgar sobre unha base rítmica todopoderosa marcada con esas líneas de baixo que van dirixindo o disco ao longo do día do xuizo final, no que sobresaen os trepidantes riffs de guitarra para proporcionar o ritmo bailongo definitivo, creando unha riqueza de matices que fan a delicia de oído e corpo.

L’HEREU ESCAMPA – LLAMP DE DÉU

l'hereu

Se ao mirar esta portada pensas nun pop romántico e minimalista, estarás comentendo un erro catastrófico. Tras este pastor con cara de boi saído das montanyas cos soplos da tramontana atópase un combo de guitarra e batería facendo trallazos curtos, directos e cheos de gritos. Aínda que tamén ten cabida a calma sosegada na que se converte Ingràvid, que da un respiro a unha música tan intensa, ou o último corte: Fred. Pero os de Plana de Vic téñeno moi claro: o seu é un punk cheo de matices rock e hardcore que se conxuga á perfeción para parir este redondo llamp de Déu.

CUELLO – MI BRAZO QUE TE SOBRE

CS2161234-02A-BIG

Cuello é o novo proxecto da cabeza de Betunizer polo que xa podedes deducir un pouco a que pode sonar esta parte do corpo, pero o mellor de todo son as letras cómicas que sobresaen, e nunca mellor dito, de entre as capas de distorsión que envolven cada canción, todo a moitas revolucións e coa característica voz aguda de José Guerrero chillando incongruencias pouco comprensibles. Esa é a esencia de Cuello: velocidade e potencia, que tan ben catalizan neste Mi Brazo que te Sobre, onde se poden sacar un bo puñado de himnos absurdos.

As eleccións de danidelacuesta:

WIND ATLAS – THE LOST FOUND

a0905549957_10

Gústame a xente activa. A xente que, máis alá de queixarse ou non, ensucia as mans facendo cousas, tentando saír adiante facendo o que máis lle gusta. Así é a xente de Wind Atlas, tamén en The Destroyed Room ou Sons of Woods, fundadores do selo independente Boston Pizza Records e da tenda física Dead Moon Records. Xente, como vedes, moi activa da escea barcelonesa que neste proxecto aposta por un folk de raíces medievais e asentado na tradición mística do neofolk e nas sinxelas bases rítmicas do slowcore máis radical. Con un esqueleto repetitivo e minimalista e a prodixiosa voz de Andrea, constrúen espazos sonoros profundos e suxerentes, misteriosos ou tenebrosos, que nos retrotraen a tempos e lugares remotos, momentos descoñecidos ou lendas esquecidas.

SANGRE DE MUÉRDAGO – DEIXÁDEME MORRER NO BOSQUE

0001381591_10

Redundando no estilo anterior, o novo disco de Sangre de Muérdago xoga coa posibilidade de crear ambientes lendarios e misteriosos a partires dun folk celta de orixe galego, cantado no noso idioma, a pesares de estar gravado en Alemaña. Escoitalo e imaxinarse percorrendo unha fraga mentres cae a noite, escoitalo e ver o verde dos fentos e dos brións asomar alí onde pisas. Deixádeme morrer no bosque soa a fervenza e lareira, a choiva e lume, a fadas e vento e non volo deberíades perder.

TENTUDÍA – TENTUDÍA

a1409741303_10

Difícil ven resultando atopar cousas no instrumental ou no post-rock que se alonxen de esquemas repetitivos ou xa vistos. Igual o debut de Tentudía non é o caso, pero a min mo pareceu. Aposta por una chamativa mistura de sons cáusticos e máis ambientais, introducindo voces que desbordan rabia e pasaxes de (só) aparente tranquilidade e introspección. Como pasear polo acantilado e, a cada pouco, amenazar con tirarse.

MENCIÓNS DE HONRA:

Advertisements