Tagged: garage

A amosega de Jay Reatard

Ás veces habitúo a pasarme minutos (¡¡mentira!! horas e horas…) vendo vídeos de música en Youtube, pero non foi ata fai uns meses cando casualmente descubrín un pedazo documental sobre a nova oleada de grupos de garaxe en América. Unha das figuras que máis me chamou a atención foi Jimmy Lee Lindsey Jr. A.K.A Jay Reatard, nado en Memphis en 1980.

Busquei esta fin de semana pasada se tiña novo disco preparado cando de súpeto atopeime con artigos que falaban da súa morte alá polo 2010. O certo é que me quedou moi mal corpo, así que decidín facer un repaso pola súa carreira e compartilo convosco.

Este rapaz enérxico e amante da guitarra comezou a súa carreira con nada máis e nada menos que quince anos (¿que outra cousa se podía facer nunha cidade como Memphis?). Influenciado por grupos da escea underground da súa cidade como Oblivians, creou a banda de culto coñecida como Reatards. Non sería ata o 98 cando lanzaron o seu primeiro LP Teenage Hate, seguido a continuación polo segundo Grown Up Fucked Up. Estes dous discos caracterízanse por un son caseiro e guarro, con voces cargadas de rabia e temas cheos de alma punk. Inda así, a mellor cualidade de Jay e os seus eran os impresionantes directos. Súor, adrenalina e unha intensidade alucinante:

Xa entrados no novo século, a hiperactividade deste mozo prolífico levouno a formar parte de diversas bandas, como The Last Sounds, Bad Times, The Final Solution, Terror Visions… E unha morea máis. Nestes grupos amósase a incorporación de novos elementos, como órganos, sintetizadores, voces femeninas e un tono algo máis melódico ás veces, máis machacón noutras:

No ano 2006 lanzou o seu primeiro disco en solitario, Blood Visions, un álbume formidable que o deu a coñecer por todo o mundo e a asinar posteriormente polo sello Matador Records (Yo la Tengo, Fucked Up, Sonic Yout, Mission of Burma…). A miña canción favorita é a que vos deixo embaixo (en vivo, por suposto):

Tras editar un álbume recopilatorio, o seu disco póstumo chegaría no 2009, Watch me Fall, quizáis o máis melódico e tranquilo de toda a súa carreira, pero non por elo exento de calidade:

Non cabe dúbida que este rapaz deixou unha gran pegada na música. Sempre coherente e honesto nas súas entrevistas, decatámonos que o rock quedou sen unha das súas grandes figuras nestes últimos tempos.

No 2012 editaríase un DVD homenaxe, BETTER THAN SOMETHING: JAY REATARD, que vos recomendo ao cen por cen, sen dúbida algunha.