TOP 10 Álbumes 2011

Remata o ano e sempre da gusto facer balance dos estreos máis interesantes a nivel musical. Por iso quixen conformar esta lista cos que, ao meu parecer, son os discos máis apetecibles deste 2011. Por suposto que é unha lista amplamente discutible, e abofé que os meus compis de blog non comparten algúns deles. No canto de subir cada un dos dez discos, vouvos deixar coa miña canción favorita de cada un deles. Agardo que a disfrutedes canto menos o mesmo ca min facéndoa. Velaquí van:

10. J.Mascis – “Several Shades of Why”

Ao fin o bo de Mascis sacou disco en solitario, disco que poderíamos definir como semi acústico, e a verdade que entra moi ben. Sinxelo, sen grandes alardes, pero con composicións fluidas e pegadizas. Despois do bo sabor de boca que nos deixou o seu álbume en acústico na CBGB con temas de Dinosaur Jr, agora podedes disfrutar de “Several Shades of Why”

 

9. Battles – “Gloss drop”

Disco que se move entre o math rock e o kraut rock, enrevesado pero non pesado. Cheo de enerxía, técnico, feliz, e cun directo que merece a pena ver. Por certo, encántame a portada.

8. Blood Ceremony – “Living With The Ancients”

Ao escoitar este disco poderíamos dicir que non foi lanzado no 2011, senón alá aos comezos dos 70. Voces femininas, órgano presente e un gran sabor a Black Sabbath e Jethro Tull. En definitiva, un álbume moi ben feito que nos lembra aos primeiros pasos do doom

7. Radiohead – “King of Limbs/Supercollider”

Que dicir de Radiohead a estas alturas que non sepamos. É a miña pequena debilidade. Salvo o borrón de Lotus flower, atreveríame a dicir que este disco xunto ao EP Supercollider e algún novo tema que sacan no Live from the Basement, conforman unha pequena obra mestra á altura de álbumes pasados coma o Kid-A. Encántame o combo de percusións, reflexada en cancións como a amosada a continuación

6. Tyler the creator – “Goblin”

Non son moito de hip-hop, de feito abúrreme escoitar máis de dúas cancións seguidas. Mellor dito aburríame ata que isto chegou aos meus oídos. Penso que é o mellor álbume de hip-hop feito nunca. O líder da mítica banda OFWGKTA foi capaz de crear un álbume con bases súper pesadas e de tinte escuro, letras violentas (dise a palabra “fuck” máis de 60 veces no disco) e unha música que nada ten que ver co hip-hop máis comercial e noxento.

5. Throbbing Gristle – “ 20 Jazz funk greats“

Relanzamento exquisito cos mellores temas dunha das bandas orixinarias da música industrial. Sen dúbida algunha, unha obra vangardista e bizarra que non vos deixará indiferentes.

4. John Fahey – “Your past comes back to haunt you: The fonotone years (1958-1965)

Outro recopilatorio lanzado este ano con máis de cen cancións do mítico guitarrista John Fahey. Temas instrumentais nados entre 1958 e 1965 que teñen profundas raíces americanas e que se moven entre o folk e o blues. Paga a pena navegar na carreira deste home e viaxar ata os campos de Oregón

3. Liturgy – “Aesthethic”

Pra min foi a gran sorpresa deste ano. Unha banda que reviviu o xénero do black metal bebendo dos xa míticos Burzum e mesturando a súa son co math rock e a experimentación. As súas cancións son auténticos torbellinos, intensas e densas. Teño que mencionar tamén a excelente percusión deste disco, con velocidades e breaks case imposibles. Ou o amas ou o odias. Non hai máis

2. Necro Deathmort – “Music of bleak origin”

Levado por unha recomendación de Steven Wilson, descubrín a esta pedazo banda que mestura a electrónica co drone e os sons máis industriais, dando como resultado algo así como necrotrónica (defínense así no anterior álbume). Sons escuros pero pegadizos, que lembran a bandas coma NIN ou Sunn 0))). Un dos meus favoritos deste ano, sen dúbida

1. Oneohtrix Point Never – “Replica”

E aquí está ao meu parecer o mellor disco deste ano. Sons feitas con samplers, sintetizadores e incluso piano, coma na canción de embaixo, que conforman a banda sonora das naves espaciais, ou que nos remite a paisaxes marcianas con casas propias da vanguardia soviética. Desmárcase un pouquiño dos seus anteriores traballos, que tiñan grandes influencias de Boards of Canada e que quizáis lles faltaba algo de consistencia. Álbume redondo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s